O Premio Eurorrexión 2009 galardoa un estudo sobre o capital intelectual e a innovación nas empresas de automoción
O sector da automoción, un dos puntuais da economía galega e dos máis afectados pola crise económica, centra o traballo galardoado nesta edición, obra dos investigadores Pedro Figueroa Dorrego, Carlos Fernández-Jardón e Helena Mª da Silva Santos.
Este certame ten como finalidade poñer en valor a investigación sobre a problemática e as potencialidades desta zona ao abeiro da Cátedra Eurorrexión e conto coa presencia de D. José Manuel García Vázquez, Director da Cátedra Eurorrexión Galicia-Norte de Porgugal, D. Julio Fernández Gayoso, Presidente de Caixanova, D. Rui Vieira Castro, Vice-reitor de Investigação e Ensino da Universidade do Minho, Dna. Elvira Vieira, autora do traballo gañador do premio Eurorrexión 08, e D. Alberto Gago Rodríguez, Reitor Magnífico da Universidade de Vigo.
É un premio compartido e multidisciplinar xa que nel se recoñece o traballo realizado a ambas beiras do Miño, pero tamén “dende diferentes campos do coñecemento como a organización de empresas e marketing e a economía aplicada”, departamentos aos que pertencen ambos profesores, segundo explica Pedro Figueroa. A propia Helena Mª da Silva Santos, profesora no Instituto Politécnico de Viana do Castelo, apunta que “investigamos a influencia do capital intelectual na capacidade innovadora das empresas da automoción de Galicia e norte de Portugal e concluímos que as empresas que impulsan actitudes innovadoras e os incentivos á innovación en termos de capital intelectual e ademais fan colaboracións con clientes e participan en redes de colaboración, son máis innovadoras en produto e tamén en proceso”. Por conseguinte, segundo engaden os premiados, isto implica máis innovación nos produtos e tamén nos procesos que desenvolven e esa “é actitude ideal, o camiño ideal para innovar”.
Estes tres docentes recollen a testemuña de Elvira Pacheco Vieira, doutora en Economía Aplicadapola USC e investigadora da Universidade do Minho, que co seu traballo Capital humano como factor de converxencia: análise econométrica da Eurrexión Galicia-Norte de Portugal, logrou o primeiro premio de investigación Eurorrexión 2008. A xa directora do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial, que se inaugurou este luns, presentou tamén no transcurso deste acto a publicación que recolle o seu traballo premiado na pasada edición.
Este premio de investigación naceu no seo da Cátedra da Eurorrexión ao abeiro da cal se imparte o Mestrado de Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial. O director da cátedra e comisionado de Plan Estratéxicos, José Manuel García Vázquez, explicou que nesta segunda edición concorreron ao certame dez traballos nos que participan un total de 25 investigadores, catro de autoría portuguesa, outros catro galegos e dous mixtos, sobre diversos temas como “gobernanza da Eurorrexión, botánica, agricultura, sanidade, arquitectura, afinidades histórica e lingüísticas, cooperación económica…”
Segundo subliñou García Vázquez, a Eurorrexión “e o espazo fronteirizo con máis intercambio de mercadorías e traballadores” e como tal o tecido empresarial e económico e a cidadanía souberon estreitar lazos cara unha maior integración rexional, cara á realidade da Eurorrexión. As universidades non quedaron ao marxe deste camiñar e son boa mostra, e incluso bandeira, desta cooperación en educación, innovación, emprego, sociedade do coñecemento e actividades culturais e deportivas. Coincidiron neste sentido o reitor, Alberto Gago e o vicerreitor da Universidade de Minho, Rui Vieira Castro, que apostaron por seguir afondando nesta colaboración necesaria entre as universidades de Galicia e as do norte de Portugal. “Estamos no camiño apropiado e na dirección correcta, e non estamos sos”, apuntou Gago, que se referiu como mostra dos avances acadados ao borrador do Real Decreto Español de Títulos, “que permitirá crear dunha maneira sinxela, cómoda e atractiva títulos compartidos entre varias universidades, e isto é algo que estábamos agardando hai moitísimos anos as universidades galegas e portuguesas”.
O presidente de Caixanova, entidade que patrocina o premio, Julio Fernández Gayoso, incidiu, pola súa banda, nos lazos estreitos que unen Caixanova e a Universidade de Vigo, pero que unen tamén á entidade co país veciño. Fernández Gayoso lembrou que a caixa colabora con cinco cátedras da Universidade de Vigo, entre os que destacou a de Empresa Familiar e a da Eurorrexión.
Visto 4409 veces







